O centro ten hoxe tres docentes menos que no 23/24

Arranque de curso no CEIP San Clemente: sen terceira unidade, con grupos partidos en Infantil e outra vez por riba das ratios

Non hai oferta de ningún profesor de apoio para Infantil, só unha praza con media xornada para Primaria que segue sen adxudicar

Caldas de Reis, 6 de septiembre.- O curso 25/26 empeza en San Clemente peor do que rematou o anterior, no que fomos despoxados inxustamente dunha das unidades de Educación Infantil que nos correspondía. Agrupamentos de alumnado de distintas idades, grupos partidos e menos profesorado. E, outra vez, con Infantil por riba das ratios legais.

No curso 24/25 vimos como a Consellería eliminaba a terceira unidade de Infantil pese a ter —contadas as necesidades especiais— 29 nenas e nenos matriculados (o máximo para dúas aulas con agrupamentos mixtos era 26). Esa situación parcheouse cunha profesora do Plan MEGA que permitiu realizar un desdobre, co cal, de facto, puidéronse facer os tres grupos, aínda que perdiamos o profesorado de apoio ao que se ten dereito con tres unidades.

Este ano, a cousa empeorou. Unha vez axustadas as necesidades do alumnado, o número é aínda maior: 30, que se repartirán en dúas aulas, de 15 e 15, ambas outra vez superando a ratio que marca a lei. Para rematalo, este ano —e pese ao que se publicou— a Consellería nin sequera ofreceu a posibilidade de contar con profesorado MEGA para Infantil.

A consecuencia? O grupo que accede a 5º de Infantil pártese en dous —algo que calquera profesional sabe que é unha aberración pedagóxica—: a metade, irá co alumnado de 5 anos; a outra, quedará cos recén chegados, os de 3 anos.

A ÚLTIMA NENA

Na tarde do venres —porque no Consello Escolar desa mañá aínda non había confirmación— puidemos comprobar que a nena cuxa casa se uniu co colexio nunha cadea humana, podía matricularse no centro. 

Un compromiso do director xeral de Centros e Recursos Humanos despois de que a nai da rapaza lle explicase persoalmente en agosto ao conselleiro Román Rodríguez a súa situación: que o que inspección lle ofrecera era transporte e acompañante para ela soa ata calquera colexio que elixise en Caldas… agás San Clemente, que sería onde tería a parada. Ningún argumento de suposta “eficiencia” podía xustificar isto, e a Xunta, acertadamente, deu marcha atrás.

Aínda así, non é certo que San Clemente escolarizase a todo o alumnado que o solicitou. A familia da outra alumna que quedou fóra tras a baremación, ante a falla de garantías, decidiu matriculala no centro que era a súa segunda opción, algo perfectamente comprensible e que non tería acontecido de existir a terceira unidade. Unha demanda que, como quedaramos, volvemos trasladarlle a primeiros deste mes de setembro ao director xeral, de momento, sen resposta pola súa banda.

MENOS PROFESORADO

O de infantil é o máis sangrante pero non o único problema que afronta o CEIP San Clemente. O curso comeza con un docente e medio menos que pasado pero cunha caída de tres se o comparamos co 23/24.

A única boa noticia é contar, por fin cunha especialista en Audición e Linguaxe a tempo completo. Pola contra, redúcese a presenza do profesor de Inglés, que pasa a estar asignado ao CRA. Finalmente, tras axustar horarios, pasarase polo centro tres horas o martes e dúas o venres. 

Queremos aclarar que nunca dixemos que isto faría que se impartisen menos horas da materia, xa que veñen marcadas pola lei, pero esa redución horaria fará que o resto de tarefas das que se encargaba ese docente recaian sobre outras persoas do claustro.


Este recorte súmase ao da profesora MEGA de Infantil. Insistimos: na hora en que se emite este comunicado, a Consellería NON convocou ningunha praza de apoio para Educación Infantil. Só convocou unha praza en Primaria e a tempo parcial. Como está acontecendo con moitas das chamadas “medio MEGA”, rexeitadas porque non compensan economicamente, esta segue sen adxudicar tres días despois da súa convocatoria.

Iso si: a obra anunciada pola Consellería o día en que ao conselleiro lle preguntaban no Parlamento pola nosa situación, está xa en marcha. Comezou xusto para o arranque do curso e vainos acompañar ata o final. Agardemos que sexa para ben e que moitas xeracións de nenos e nenas de San Clemente poidan gozar deste investimento.

Deixar un comentario

Ola!

Dámosche a benvida á web da ANPA do CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar (Caldas de Reis)

Conecta con nós