A comisión de Educación do Parlamento de Galicia debateu este venres unha iniciativa da deputada socialista Paloma Castro na que se pedía a restitución da terceira unidade de infantil do CEIP San Clemente, inxustamente eliminada pola Consellería de Educación. A proposta contou co apoio do BNG pero foi botada abaixo pola maioría absoluta do PP.
Na súa intervención, a deputada popular Felisa Rodríguez negou a situación que está a vivir o centro, afirmou que o colexio ten “ratios moi baixas” e asegurou que “os pais e as nais do CEIP San Clemente merecen verdade”.
Falemos de “verdade” sobre as ratios:
Os dous cursos de Educación Infantil están por enriba da ratio legal, marcada en 14 alumnos e alumnas cando hai agrupamentos de diferentes idades. En cada unha delas, ponderadas as necesidades, hai 15.
É dicir, se o curso pasado nos quitaron inxustamente a terceira unidade con 29 crianzas -o máximo legal para dúas unidades con agrupamentos era de 26-, este aínda empeora máis a cousa. E iso que conseguiron espantar a unha nena que desistiu de matricularse no noso centro ante os impedimentos que lle poñía a Xunta.
Ademais de incumprir a norma, a creación das unidades provocou a ruptura do grupo de nenos e nenas de 4 anos, que compartiran aula o curso pasado. Os catro maiores foron escolarizados co alumnado de 5 anos e os catro pequenos, coa rapazada de 3 anos que chegaba nova ao cole. Un modelo co que o profesorado tentou minimizar o dano pero que o propio claustro considera unha barbaridade pedagóxica, ao partir o grupo de referencia de crianzas tan pequenas.
Ningún destes problemas existiría hoxe se a Consellería de Educación:
-Non eliminase a terceira unidade no curso 24-25, cando daban os números, por un suposto “erro administrativo”.
–Se enmendase ese erro -como lle solicitou por unanimidade o pleno do Concello de Caldas- e deixase as cousas como estaban, en lugar de mandar un parche (unha profesora de reforzo).
–Se cumprise o seu compromiso de recuperar a terceira unidade se os números da matrícula o permitían, como así sucedeu. Un compromiso, lembramos, feito primeiro de maneira verbal á comunidade educativa e, despois, plasmado por escrito nunha resposta á Valedora do Pobo. O seu incumprimento, entre outras cousas, provocou a dimisión da secretaria do centro.
É dicir, a Xunta tivo ata tres oportunidades de cumprir a súa propia legalidade e non o fixo, amparándose sempre en argumentos “técnicos”, cando tanto o inspector como o xefe territorial de Pontevedra respaldaban a recuperación da unidade.
Polo tanto, a decisión que impide recuperar unha unidade á que temos lexítimo dereito non é técnica. Como se ve no voto a man alzada dos deputados populares, é unha decisión unicamente política á que nos seguiremos opoñendo.
Aquí podedes ver o debate completo a partir de 1h. 47´

Deixar un comentario