Hoxe participamos no desfile de Entroido de Padrón nunha xornada que o tivo todo: bo ambiente, un nivel altísimo de comparsas e, por fin, sol ☀️

A mañá comezou xa con bo sabor de boca, porque uns cantos quedamos a comer antes un churrasco, aproveitando para compartir risas, comentar os últimos detalles e coller forzas antes do desfile!

Xa pola tarde, Radio Clementina volveu saír co seu show, e a rapazada respondeu de marabilla: bailaron, gozaron e animaron todo o percorrido. O desfile de Padrón tivo un nivel moi alto, con propostas moi creativas, e foi un pracer formar parte del.

Despois dunha xornada dura pero moi emocionante, tocou repoñer forzas co xa tradicional pícnic de bocata e froita, compartindo impresións e recuperando enerxías. Había quen falaba incluso do Entroido do ano que vén! 😂 

Máis alá dos premios ou dos resultados, quedamos co importante: pasalo ben xuntos e xuntas, sumar esforzos e seguir facendo grupo.

Queremos dar as grazas a todas as familias, ás crianzas e a todas as persoas que axudaron a que isto fose posible: ás que prepararon, ás que montaron, ás que acompañaron e ás que animaron. Sen ese traballo en equipo, nada disto sería posible.

Seguimos adiante con moitas ganas e ilusión. Grazas por facelo posible. ❤️🎭

📸 Fotos: Comunidade Clementina e Radio Líder (con marca de auga).

Deixar un comentario

Ola!

Dámosche a benvida á web da ANPA do CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar (Caldas de Reis)

Conecta con nós