
Foto cedida polo CEIP San Clemente
Este 1 de maio ás 12:00 horas, nas Palmeiras de Caldas, celebramos unha das festas máis fermosas e cheas de vida da nosa cultura: a Festa dos Maios.
Desde a ANPA do CEIP San Clemente queremos animar a toda a comunidade educativa a achegarse, participar e acompañar o noso alumnado nun día moi especial, no que a escola sae á rúa para compartir tradición, música e alegría.
No noso centro, o maio é un verdadeiro traballo colectivo que se vive con moita ilusión. Hoxe mesmo todo o alumnado e as familias colaboraron achegando cartuchos, fiúnchos, pampullos, laranxas… e moito máis, nunha mostra preciosa de implicación e comunidade. Foi tal a participación que ata sobraron materiais, algo que fala moi ben do compromiso de todo o cole.
E como manda a tradición, o alumnado de 6º será o encargado de poñer voz ás coplas, que prepararon con agarimo e creatividade, e que mañá venderán desde as 11:30 horas para recadar fondos destinados á súa excursión de fin de curso.
Animámosvos especialmente a colaborar con eles: mercar unha copla é apoiar o seu esforzo e contribuír a unha experiencia que lembrarán sempre.
A Festa dos Maios é unha ocasión perfecta para gozar en comunidade, poñer en valor as nosas tradicións e seguir facendo escola xuntas e xuntos, tamén fóra das aulas.
🌼 Vémonos mañá nas Palmeiras!


Deixar un comentario