Onte vivimos unha tarde moi especial coa actividade de conciliación de Samaín organizada pola ANPA San Clemente, na que as crianzas gozaron de xogos, obradoiros e moitas propostas para compartir e pasalo ben. A participación foi moi alta e estamos moi contentas de como se desenvolveu a xornada. 🧡

Os xogos de carácter deportivo foron algúns dos protagonistas da tarde: «Corre, corre cabaciña», unha carreira de arrastre de cabazas; «Saltando o río tenebroso», «Morcegos en liña» e a pesca de sombreiros de bruxa cos aros que amablemente nos prestou o profe Ricardo. Tamén houbo estatuas musicais e unha busca do tesouro que rematou cun sorteo de agasallos. 🎁

A creatividade tamén tivo o seu espazo cos obradoiros de elaboración de imáns de Samaín e bolsas para levar os caramelos, ademais de pintacaras, tatuaxes e unha zona para pintar no chan.

E, por suposto, non faltaron a merenda, a música e o baile para completar unha tarde moi especial! 🕸️🎶

Esta actividade de conciliación foi posible grazas ao financiamento do Plan Corresponsables, que contribúe a impulsar recursos para facilitar a conciliación das familias e ofrecer ás crianzas espazos de atención e lecer educativo.

Desde a ANPA queremos agradecer a participación das familias e a ilusión das crianzas. Grazas por acompañarnos e facer posible que actividades coma esta sexan todo un éxito!

Deixámosvos algunhas fotos para lembrar os bos momentos desta xornada. 📸🧡

Deixar unha resposta

Ola!

Dámosche a benvida á web da ANPA do CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar (Caldas de Reis)

Conecta con nós